Friday 19 de April de 2024

Nova edición do programa “Andares por Galicia” organizado polo Concello de Oleiros


O vindeiro 24 de setembro terá lugar unha nova edición do Programa Andares por Galicia, organizado polo Concello de Oleiros, coa ruta Ruta do Pico Sacro a Ximonde polas beiras do Ulla (Boqueixón-Vedra).

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

Todas as saídas contarán con 3 monitores/as especializados/as e están dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 22 euros.

Ofertaranse 40 prazas para cada unha das saídas, con preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros e adxudicaranse as prazas por rigorosa orde de inscrición a partir do martes 13 de setembro ás 10.00 horas no seguinte formulario:

ANDARES POR GALICIA 24 SETEMBRO

Para obter máis información é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico afabrica@oleiros.org.

RUTA DO PICO SACRO A XIMONDE POLAS BEIRAS DO ULLA

Punto inicio: Pico Sacro (Boqueixón)/ Punto fin.Couto de Ximonde (Vedra)
Distancia aprox.: 18 km
Dificultade: media
PUNTOS DE INTERESE
– Pico Sacro
– Vía da Prata do Camiño de Santiago
– Miradoiro de Gundián
– Antiga vía do tren
– Desfiladeiro de San Xoán da Cova
– Viaduto do tren
– Lugar de Ponte Ulla
– Ponte de Sarandón
– Área recreativa de Cubelas e Agronovo
– Couto de pesca de Ximonde
– Muíños de Pastel

VISITA CULTURAL: Visita aos xardíns do Pazo de Oca ou aos do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla